Cuarta “semana” en Porto Novo

24/10/2011

A estancia durante a cuarta “semana” en Porto Novo redúcese a un día de traballo e outro para a viaxe de volta.

O último día de traballo centrouse na redacción dun documento simple que será enviado aos técnicos da cámara municipal no que se conteñen unhas conclusións acerca da estratexia mais adecuada para solicitar financiamento.

APUNTE FINAL

Durante a estancia de traballo nas dependencias do municipio de Porto Novo existiron certas dificultades técnicas en relación á rede internet. De non ser polas mesmas, os resultados terían sido mais fructíferos. Non obstante, e tendo en conta as circunstancias, foi posible dispoñer de medios técnicos adecuados para o desenvolvemento da cooperación requirida, contando sempre coa excelente predisposición dos técnicos municipais.

Terceira semana en Porto Novo

17/10/2011

A terceira semana comezou coa análise do orzamento do concello de Porto Novo que foi proporcionado por un técnico municipal. A portada deste documento pódese ver a continuación na seguinte imaxe:

Portada do orzamento do concello de Porto Novo

Trátase dun documento denso aprobado polo órgano de goberno competente (asemblea municipal). Para facer un símil, trataríase do equivalente ao orzamento dunha administración local española xunto coas súas correspondentes bases de execución. Un aspecto curioso deste documento, entre outros, é que fixa un límite para o endebedamento desta administración local.

 18/10/2011

Ese día tivo lugar unha reunión de traballo co presidente da cámara municipal. Desculpouse por non poder realizar un seguimento debido á baixa do concelleiro a cargo de “Vacacións con Traballo”. Así mesmo, comentou que me sería proporcionado o orzamento (xa no meu poder) do concello así como o plano de actividades do mesmo. Logo de finalizar a xornada laboral, enviáronme este documento por correo electrónico. A maiores, fixéronme chegar 9 documentos sobre o municipio de Porto Novo:

  • Contextualización
  • Condicións sociais
  • Patrimonio
  • Paisaxe e recursos
  • Agricultura e sector pecuario
  • Accesibilidade e mobilidade
  • Infraestruturas: abastecemento de enerxía eléctrica
  • Equipamentos
  • Sistema urbano

Poderíase dicir que entre todos conformarían unha especie de estudo socio-económico do concello. En total, suman unhas 235 páxinas que procurarei ler na medida do posible.

19/10/2011

Ademais de continuar coa lectura de toda a documentación recibida, foi enviado o proxecto Rádio Rural do Porto Novo “R+FM”. Este proxecto consiste na creación dunha emisora de radio rural, no concello de Porto Novo. O proxecto foi elaborado pola Associação de Desenvolvimento Santo André – R+ e resulta moi interesante. En consecuencia, comézase a buscar financiamento para este proxecto.

20/10/2010

Existen outro tipo de convocatorias temáticas para o financiamento de proxectos sectoriais. Na busca das mesmas, atopouse a web do o do Centro Regional da CEDEAO para a Energia Renovável e Eficiência Energética (ECREEE) http://www.ecreee.org

En concreto, existe unha convocatoria do Fundo para as Energias Renováveis da CEDEAO (EREF) que pechou hai relativamente pouco tempo. Non obstante, esta información pode ser de utilidade para o futuro.

Imaxe Fondo Enerxías Renovables

Data de finalización desta convocatoria

Como se pode apreciar no lugar indicado pola frecha, esta convocatoria pechou o 31 de xullo de 2011.

21/10/2011

Neste punto, decido cambiar a forma de sistematizar na presente memoria as buscas que se están a realizar. Ata agora, tomábanse imaxes das mais importantes que eran incluídas neste documento. Isto impedía apreciar a verdadeira dimensión e profundidade do traballo que se está a realizar. Por esta razón, a partir de agora as convocatorias consultadas serán só mencionadas e plasmarase algunha imaxe dos resultados dos motores de busca das mesmas:

 A seguinte imaxe pertence a www.welcomeurope.com :

Imaxe parcial dun buscador de convocatorias
A través desta imaxe pódese apreciar o número de convocatorias analizadas. Segundo un determinado criterio de busca introducido, saíron 600 convocatorias. Este traballo repítese con outros criterios de busca, así como con diversas combinacións dos mesmos. Mentres estas convocatorias se visualizan, a maioría do tempo esgótase debido á baixa velocidade ou incluso á caída da rede internet.

Tal como se comentou anteriormente nesta memoria, o “Fondo Europeo de Desarrollo” (FED) é o principal instrumento de axuda comunitaria á cooperación ao desenvolvemento prestada aos países ACP (África, Caribe e Pacífico). Neste sentido, realízanse buscas a través do seu buscador para convocatorias abertas e previstas sen resultados positivos:

Resultado de unha busca en Europe Aid

Non obstante, si existen algunhas convocatorias cuxo prazo está pechado e das que se informará para a súa solicitude nunha futura posible apertura:

Convocatorias actualmente pechadas

 

 

Segunda semana en Porto Novo

10/10/2011

A xornada deste luns centrouse na elaboración do blog vacacións con traballo 2011. O enderezo deste blog é http://vacacionscontraballo2011.wordpress.com/

11/10/2011

En principio, neste día estaba previsto revisar o “Plan de Acção Municipal” do concello de Porto Novo. Non obstante, ao concelleiro responsable xurdiulle unha circunstancia persoal inaprazable e tivo que realizar unha viaxe con urxencia. En consecuencia, o traballo centrouse na análise de posibles axudas de financiamento, comezando polas da Comisión Europea a través do Europe Aid (http://ec.europa.eu/europeaid/index_es.htm).

Neste punto, creo que resulta fundamental explicar como funciona a oficina de Cooperación EuropeAid da Comisión Europea. Esta oficina implementa os instrumentos de financiación para a axuda exterior no marco das perspectivas financeiras 2007 a 2013. O obxectivo xeral destes instrumentos é a erradicación da pobreza nos países e rexións socios en el contexto do desenvolvemento sostible. Con base en documentos de estratexia e programas de acción anuais, o financiamento da UE realízase a través de apoio orzamentario, subvencións e contratos.

A programación é un proceso de toma de decisión esencial, que ten como obxectivo definir a estratexia da Comisión Europea, o orzamento e as prioridades para os gastos de axuda en países fóra da UE. As prioridades de asistencia da CE identifícanse en:
• Documentos de Estratexia xeral para o período 2007-2013

• Programas indicativos máis detallados que cobren os períodos 2007-2009 e 2010-2013

• Programas de Acción Anuais Detallados (AAP) para cada ano do período de programación[1].

Como se pode deducir, os procesos para a implementación de programas de axuda exterior son complicados, feito que dificulta a existencia de convocatorias en vigor apropiadas.

12/10/2011

O “Fondo Europeo de Desarrollo” (FED) é o principal instrumento de axuda comunitaria á cooperación ao desenvolvemento prestada aos países ACP (África, Caribe e Pacífico). Por esta razón, estudáronse as seguintes vías de financiamento:

  • Fondo fiduciario UE-África para infraestructuras

www.eu-África-infrastructure-tf.net.

http://www.eu-africa-infrastructure-tf.net/attachments/Publications/flyer%20sheet%20itf%2001%202010%20en.pdf

Imaxe do "Infraestructure Trust Fund"

  • European Investment Bank (Banco Europeo de Investimentos)

A maioría destas axudas canalízanse a través de ONGs ou dos gobernos centrais, polo que a marxe do municipio de Porto Novo para solicitar financiamento nestes casos é moi reducida.

13/10/2011

A análise de convocatorias non dá de momento un resultado positivo para a Cámara Municipal de Porto Novo. Non obstante, proséguese na busca de algún tipo de financiamento. Isto deriva na consulta da web do goberno de Canarias, onde se poden consultar as subvencións para proxectos de cooperación ao desenvolvemento. Todas as convocatorias son antigas. Non existen novas convocatorias, dado que existe un aviso de cancelación de convocatoria 2011-2012, tal como se pode ver na imaxe seguinte:

 

Programa de bolsas do Goberno de Canarias (cancelado)

 

 

 

 

 

 

14/10/2011

Técnicos do concello de Porto Novo comentaron a necesidade de buscar financiamento para dotar de material técnico e audiovisual ás instalacións da cámara municipal.

Imaxe da convocatoria sobre cultura

Esta convocatoria excluía expresamente ás entidades públicas, razón pola que o concello de Porto Novo non podería resultar beneficiario.

 

 

Por outro lado, tamén foi analizada a páxina web das Nacións Unidas en Cabo Verde (http://www.un.cv/):

Nacións Unidas en Cabo Verde

Así mesmo, por iniciativa propia, pedín ao persoal da cámara municipal o Plan de Acción Municipal para botarlle unha ollada e ver as liñas estratéxicas deste municipio para o futuro. Comentaron que mo proporcionarían para analizalo.

 ________________________

[1] Extracto traducido da páxina web da comisión europea: http://ec.europa.eu/europeaid/how/finance/index_en.htm

Viaxe, chegada e primeira semana. Santo Antão, Cabo Verde.

A medida que pasan os anos e vou coñecendo mais sitios, observo a realidade con mais atención. Na actualidade, non acostumo a acumular moitas imaxes que, probablemente, nunca volverei ver. Non obstante, neste caso fágoo considerando que debo rexistrar a evolución da miña experiencia dentro do programa “Vacacións con traballo”.

Cabo Verde xa era un país coñecido, pero non a illa de Santo Antão.

Vista dende o barco de São Vicente a Santo Antão

 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 

Vista do lugar de hospedaxe

 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
05/10/2011

Durante este día ocupamos parte do tempo en coñecer as instalacións e traballadores da cámara municipal de Porto Novo. O edificio orixinario de carácter colonial aínda é utilizado pero as súas instalacións quedaron pequenas para todos os servizos que prestan, que están dispersos en diferentes lugares.

Vista do edificio orixinario do Municipio de Porto Novo

Non obstante, a cámara municipal está facendo un importante esforzo para construír un edificio novo no que todos os servizos estean centralizados. A continuación, móstrase unha imaxe do mesmo que entrará en funcionamento durante o presente mes de outubro.

Vista do novo edificio da cámara municipal

 

 

 

 

 

 

 

O resto do tempo foi dedicado á consulta do portal de administración electrónica da República de Cabo Verde. Resulta sorprendente ver que xa prestan cantidade de servizos telemáticos cuxa implantación nin sequera está prevista en moitas administracións europeas. O enderezo web do portal é www.portondinosilha.cv . Neste portal, os cidadáns de Cabo Verde poden realizar numerosos trámites ante as administracións públicas: solicitar certificados, crear unha empresa, realizar pagamentos de taxas e impostos, consultar o catastro, etc.

Portal de acceso á administración electrónica

06/10/2011

Asistencia a unha charla de D. Amadeu Cruz, presidente da Cámara municipal de Porto Novo. Esta charla consistiu nunha reunión de traballo do presidente con un grupo de estudantes do último curso da carreira de xornalismo da Universidade de Cabo Verde patrocinados polo xornal “A Nação”.

D. Amadeo Cruz, alcalde de Porto Novo

O tema da charla foi “Desenvolvemento en Porto Novo”. E a continuación engado unha síntese das palabras do presidente:

A cidade foi creada en 1962, cando o goberno portugués decidiu crear o municipio mediante decreto. É o concello mais urbano, ocupa 2/3 da illa e posúe arredor duns 18.000 habitantes. Os sectores produtivos son a agricultura, a pesca o sector pecuario e o sector servizos. Tamén posúe recursos hídricos, fundamentais para a supervivencia nunha illa. No ámbito da cultura, posúe referencias culturais como a romaría de São João Baptista e ten pouco patrimonio arquitectónico construído.

As liñas mestras para a política económica son:

1.- A capacitación dos recursos humanos. Non pode haber desenvolvemento sen capacitación dos recursos humanos. Para saír da pobreza é necesario ter acceso ao coñecemento. 2.- A iniciativa privada é o motor do desenvolvemento económico – empresarial. Débese favorecer o investimento privado independentemente da súa orixe e eliminar barreiras sobre os investimentos. 3.- Loita contra a exclusión social. A poboación non pode ser dependente da boa vontade do estado. A liberdade do ser humano depende da súa capacidade de realizar os seus soños. Para loitar contra a exclusión social débese apostar polo desenvolvemento económico e pola educación. Neste sentido, a cámara municipal ten políticas activas básicas de asistencia social, saúde, etc. 4.- Bens e servizos públicos comúns. Infraestruturas: porto marítimo, auga, telecomunicacións, estradas, infraestruturas para a pesca, saneamento básico, etc.

Os puntos fortes de Porto Novo son:

1.- Pesca. 2.- Sector pecuario extensivo e intensivo. 3.- Horticultura, xa que hai reservas de auga e condicións para intensificala. 4.- Potencial para desenvolver a industria de transformación. 5.- Vínculo directo co resto do país; o turismo sostible axudará a desenvolver o resto dos sectores. Segundo o presidente, “o país necesita pensar no que non é evidente”. Propón como idea que Santo Antão pode acoller o aeroporto de São Vicente (outra illa), xa que este último ten pouco potencial de desenvolvemento. Tamén se debe potenciar o turismo interno.

 Os puntos fracos de Porto Novo son:

1.- Excesivo partidismo e politización dos asuntos. Débese discutir a proposta en si mesma, sen ver que partido a propón. 2.- Pouca presenza de industria. 3.- Ausencia de suficientes técnicos (fuga de cerebros). 4.- Infraestruturas mellorables. 5.- Baixa divulgación das potencialidades

Logo das preguntas realizadas polos estudantes de xornalismo, a charla rematou con unha chamada á responsabilidade dos mesmos no sentido de que proxectasen nos seus artigos unha visión positiva do concello.

Ao rematar a reunión, a miña impresión é que as consignas que se deron sobre desenvolvemento local son aplicables á moitos territorios supostamente desenvolvidos. A maioría dos problemas son comúns, pero a diferenza radica na cantidade de fondos dispoñible para resolvelos.

Vista parcial dos asistentes á reunión

 

 

 

 

 

 

 

Á hora de comer tiven a oportunidade de ir a un establecemento hostaleiro bastante inaccesible da illa. A paisaxe era incrible. Fun invitado polo concello a través da “Confraria do grogue de Santo Antão”. O grogue é unha augardente derivada da destilación do líquido procedente da cana de azucre. Esta agrupación constitúese nunha especie de sociedade gastronómica que neste caso celebraba un encontro con persoeiros das illas Açores. Rodaban un documental gastronómico para a Radio Televisión Portuguesa (RTP) que formaba parte dunha serie chamada “Sabores das Ilhas”. Teñen un grupo homónimo en Facebook.

Escudo da “Confraria do grogue de Santo Antão”

Vista do lugar

 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
07/10/2011

O programa de traballo deste día centrouse na asistencia a unha reunión con diversos técnicos da cámara municipal e na análise dunha convocatoria de subvención da obra social de “La Caixa” (Programa de Ayudas a proyectos de formación en África – bases 2011). Á primeira vista, esta convocatoria xa non se adaptaba por razón da materia ás necesidades da cámara municipal de Porto Novo. Non obstante, foi analizada polo miúdo para ver se se podería realizar total ou parcialmente algunha acción e/ou actividade. Finalmente foi descartada.

Fonte: http://obrasocial.lacaixa.es/